Wednesday, January 15, 2014

Resiste

Apretar os dentes, pechar os ollos con forza e plantarse segura no chan co vento dándonos na cara, a piques de nos derrubar, agardando que pase o furacán, é resistir, si, pero non abonda con iso. Reistir tamén é actuar. Dar un paso cara a adiante, malia que o vento nos bote para atrás. Dar outro paso aínda que creamos que vamos saír voando. E dar outro paso máis ata chegar onde queremos chegar. Aínda que ao vento se lle sume choiva, ou pedruscos coma pelotas de golf. As pelotas de golf son moi duras e pesadas. Son un pesadelo, se pensamos nelas caíndo do ceo sen piedade. Pois aínda que esas pelotas caísen de arriba, resistir non é meterse baixo dun soportal e agardar que pase para despois continuar o camiño.
E pensaredes que estou falando de máis do tempo. Pero non falo do tempo. Falo de quen queda sen traballo e cre que resistir é chegar a fin de mes sen morrer de fame, consieguindo pagar o aluguer, a luz, a auga e a comida cos 426€ de merda que dan de subsidio (e que non nos quiten esa limosna!). Falo de quen non pode pagar o alugueiro e cre que resistir é non saír da casa para que o dono/a non veña e troque a pechadura.
Porque se estás sen traballo e cobrando o subsidio (quen o cobra) ou se estás a nada de perder a casa e te conformas con todo iso que contei, pode pasar que te acostumes e nunca saias a loitar por algo mellor do que tes, iso que tanto temes perder e que se cadra é o que te ata a unha vida (case) miserábel. Se cadra, só se cadra, hai que loitar por conseguir máis, arriscar o que xa se ten, non si? Se perdes, perdes unha propiedade, un soldo... E perdes tamén o medo de quedar sen eles. E gañas a liberdade de non depender dese soldo, desa propiedade, gañas tranquilidade.

Soa perigoso, verdade? Si, hai que ser moi valente para resistir. Ninguén dixo que fose doado.

No comments:

Post a Comment