Tuesday, July 15, 2014

Buscando traballo 3: Estudos e reivindicacións

Como tiña moito tempo libre, decidín facer dúas cousas: Matriculeime na Escola Oficial de Idiomas (porque falo inglés pero non teño título que o demostre) e xa vos dixera que teño o vicio de escribir, polo que me presentei (e sigo facéndoo) a todo concurso canto podía. Pero iso non era dabondo. Algo máis podía facer, non si? E ben, eu son educadora social e orientadora laboral (si, orientadora laboral sen emprego, xa sei que é irónico). A educación social é unha profesión na que abonda o intrusismo. Traballadores/as sociais, persoas sen titulación, de maxisterio, pedagoxía, (mesmo enxeñaría!) métense a facer o noso traballo, devalando aínda máis o noso labor. E algo tiñamos que facer. Poño “tiñamos”, así en plural, porque para isto non podía poñerme ou soa, pois non serviría de moito unha so voz. Así que nos xuntamos un bo grupo de titulados/as en educación social e gora somos máis de trescentas persoas loitando por visibilizar a nosa tarefa en empresas, ONGs e todo tipo de entidades que deberían de contratar educadores/as sociais, pero que collen a calquera e mesmo collen voluntariado para o noso posto. Eu iríalles de voluntaria para facerlle os planos da casa e os esquemas de fontanaría, calefacción e auga quente sanitaria. Sería unha ruína, seino. Pero tamén é unha ruína usar voluntariado para tratar con adolescentes en risco de rematar mal ou persoas con problemas de adiccións que por non teren un/ha profesional de verdade recen. E para o caso, todos estes casos son o mesmo que facer mal os planos e os esquemas dunha casa: Todos van abaixo se non teñen un/ha profesional que planifique ben os pasos a seguir.
E por iso empezamos a campaña de visibilización e loita contra o intrusismo. Pensamos que se as entidades comprendesen ben que facemos e que valor ten o noso labor, deixarán en moitos casos de contratar persoal alleo á nosa carreira.
Por outra banda, xa que os colexios non fan moito pola causa e mesmo habilitan a persoas que pudendo estudar Educación Social preferiron traballar sen título, botándolle moito papo e facendo anos de experiencia para que agora as habiliten non para o seu posto, senón para calquera ámbito da educación social, o que nos parece moi inxusto, nós optamos por tratar de mobilizarnos pola nosa conta.

Así que xa vedes, aproveitando o tempo que non temos cando traballamos por un salario (porque traballar, o que é traballar, traballo máis agora, se cadra).
E como eu son de meterme ata o fondo, xa que estaba, púxenme a investigar dentro dun campo que me leva ocupando tempo desde hai case oito anos: Condutas adictivas e xestión do tempo (pero isto cóntovolo doutra vale?)