Friday, September 18, 2015

Cando o corpo non da máis

Isto non vai de busca de emprego, pero ten que ver. Aviso, por se non queredes ler o post.

Hai situacións na vida nas que as horas do día non abondan para facer todo o que desexamos facer, e mesmo as obrigas máis urxentes quedan no ar ou facémolas tarde, mal e a rastro.
Outras veces, é o corpo o que non da máis. Non hai maneira de aguantar en pé; o sono non chega de noite e invade todo o teu día, quedando durmida en calquera lugar, como o bus, o traballo ou na cadeira, diante da mesa, no xantar.

E tal e como está a cousa organizada, non podes permitirte faltar ao traballo -quen di traballo, di calquera obriga que imaxinedes-. E queres, tratas de facelo, desespéraste, pero non podes. Non hai maneira. É imposíbel. O corpo non da. Ti queres, pero o teu corpo non. E de súpeto, sen saber cando empezou, decátaste de que estás facendo todo mal e a medias. Que ti mesma non te fiarías de ti nin do teu traballo, que non serves, que non estás, que non fas. E o pouco que fas, non abonda. E pouco a pouco, todo e todos van cubrindo a túa área de competencia, porque teñen un ritmo que ti non podes seguir. E queres, pero non das. E outro día descobres que levas meses desaparecida de certos lugares e cousas que antes levabas cunha certa orde, por exemplo, este blog. E non atopas tempo para nada, pero tamén deixas de buscar o tempo, porque xa hai tantas cousas que facer, que non o intentas, pensando que case é mellor mandar todo á merda e empezar de cero.

Así que con todo isto empezas a ser consciente de que vai ser a mellor opción, pero te resistes a deixar nada, porque non tes costume de abandonar, que non é o teu estilo. E vaste illando de todo e de todos, porque non queres sumar máis cousas á túa lista de "cousas por facer" e por outra parte, sínteste tamén illada polos demais. E todo parece imposíbel de facer, todo é unha costa que nunca das subido. Ata que mandas todo á merda.

E así me vexo hoxe eu. Sen ganas de nada, porque non teño forzas para nada.

No comments:

Post a Comment