Wednesday, June 25, 2014

Buscando traballo 2: Resulta que sei escribir

Estaba claro que non ía morrer de fame nin deixarme comer polo paro. Está moi ben cobrar o subsidio, da para sobrevivir, ok. Pero eu non me conformo. Pensei, entre empresa e empresa, entre ETT's e INEM, que cousas sei facer, aparte da  miña titulación?
Sei escribir, sempre escribín. Se cadra era hora de tomarme a escrita en serio, coma unha opción real para gañar a vida. De momento, aviso, non conseguín moito... Quedar finalista nalgúns concursos, algunha que outra publicación, pero de manteca, nada. Nin un can.
Xa pensando en darlle ao boli ou á tecla, retomei unha actividade que deixara un pouco de lado: Os guións de monólogos de humor e, claro, as actuacións. E volvín a coller o micro para gañar pasta pero sobre todo para ter a seguridade de que non ía perder o bo humor. Ter que facer rir á xente cada quince ou vinte días permíteme manterme fresca para buscar traballo sen agobiarme nin deprimirme, porque non hai mellor terapia para evitar a decepción constante do "Xa te chamaremos" que rir, rir moito.
Por outra banda, desde 2007 estaba botando unha man a varios mozos e homes en risco de exclusión, primeiro co tempo libre e logo tamén coa busca de emprego. Aproveitando que sen traballo hai máis tempo para facer cousas, empecei a adicarlle máis tempo a este proxecto e aí seguimos, con algúns mozos conseguindo traballo, outros buscando, outros descubrindo outros xeitos de lecer...
E como iso non da de comer, seguín pensando en que podía eu traballar...
Así naceron os pre-recados. Vou por varios supermercados mirando prezos e anoto. Logo fago unha lista de onde están máis baratos os produtos que me piden. Por iso páganme, si, pero por si só non da para vivir...
E seguín buscando. Empezaba a sentir que facía moitas cousas pero gañaba pouco. É así, si. Pero recoñezamos que sigo "on" e non deixo que a inactividade (o desemprego) me coma. Resisto, sobrevivo. E iso abonda por agora, porque os traballos seguen desaparecidos.
A próxima cóntovos un pouco como na rede se pode tamén ir creando, construindo...
Namentres, déixovos con estas ideas, que se ben non son xeniais, son as que eu fun aproveitando para "ir tirando".
Ánimo e dádelle caña á vida, que se vós non queredes, non tendes por que deixar de loitar e descubrir cousas novas e interesantes...

No comments:

Post a Comment