Monday, June 23, 2014

Buscando traballo 1: Como empecei


Empezo aquí cunha serie de entradas nas que vou contar como vou buscando traballo (que é un traballo en si mesmo). Deste xeito, tratarei de compartir convosco as miñas experiencias agardando que vos sirvan de algo e que podades aprender algunha cousiña, igual que eu conto con aprender dos vosos comentarios.

 Aí vou:

Levo xa un tempo sen traballo. Estiven de baixa desde decembro de 2012 ata agosto de 2013 por mor dunha hernia discal que por fin conseguín que me quitasen en febreiro de 2013. Desde a operación, fun recuperando mobilidade ata que en agosto logrei a alta médica, entrando nese momento a formar parte das listas de pobres desempregados/as que sobrevivimos como podemos buscando traballo e loitando coa impaciencia e a desesperación que aos poucos van gañando terreo á ilusión de atopar algo que nos encha, ás ganas de buscar e ao optimismo.

De súpeto, vinme en pleno verán (finais de verán, cando case non hai contratacións) buscando traballo sen ter moi claro en qué concretamente, sabendo só que buscaba un posto de educadora social, sen máis acotacións. Tanto che me daba buscar un traballo con persoas maiores ou adultas, en formación continua ou para persoas desempregadas, en orientación laboral (que me encanta porque vexo que cada vez son mellor como orientadora) ou en dinamización comunitaria... Eu o que quería era traballar.

O primeiro que fixen foi redactar varios CVs. Tantos como áreas de emprego pretendía abarcar, dentro da miña titulación. Tamén redactei un para postos de escasa calificación, prevendo que non necesariamente ía conseguir un traballo na miña especialidade nas primeiras semanas de busca. Sempre hai que ter unha alternativa, e a miña era a hostalaría ou o turismo. Teño título de guía de ruta e aproveito para contarvos que é algo que se me da bastante ben e do que gosto especialmente. 

Tamén redactei outro CV coa miña experiencia como locutora de radio e redactora en prensa online, aínda que vexo poucas saídas profesionais reais porque sei como está o mercado laboral neste ámbito e sendo realista e honrada comigo mesma, pregunteime:  "Que fas tratando de competir con licenciados/as en ciencias da información?" e tamén me respondín: "Nunca se sabe e se non probas nunca vas ter oportunidades".

Así que redactei o CV e inserino na lista de CVs de infojobs. Infojobs.net é unha das páxinas que máis movemento ten cando se fala da busca de emprego a través de internet. Hai máis, moitas máis, e vouvos contar cales son as outras que uso, para darvos ideas ou invitarvos a que as probedes. Algunhas son só bolsas e emprego. Outras son máis semellantes a un blog, outras son páxinas web que conxugan diferentes servizos, resultando moi completas e, cando dispoñen de ofertas de empresas dabondo, son unha ferramenta moi útil para quen busca emprego. Hai que observar e contrastar o tipo de traballos que ofrecen, porque algunhas webs están especializadas (consciente ou inconscientemente) en sectores ou postos concretos. Non tería moito sentido rexistrarme nunha web que busca programadores/as de linguaxes informáticas cando o meu é a educazón, non si?

Despois de rexistrarme nalgunhas webs e bolsas de emprego, decidín que podía gañar en visibilidade para as empresas se facía unha infografía da miña experiencia e da miña formación. E iso fixen, pero se non vos parece mal, cóntovolo na seguinte, O.K.?

No comments:

Post a Comment